miércoles, 21 de febrero de 2018

Cooperamos

Esta semana fixemos un traballo cooperativo de construción. Cada equipo debía poñerse dacordo sobre que construír, traballar todos xuntos para acadar a construción acordada, poñerlle un nome e asinar na folla de persoas do equipo. Resultou moi divertido.
Só nos queda presentar o noso traballo ás compañeiras e aos compañeiros dos outros equipos e valorar se resultou doado ou complicado poñerse dacordo.








viernes, 16 de febrero de 2018

Habelas hainas!

Amelia Verdejo, matemática, natural de Bueu, estivo hoxe no noso colexio co alumnado de 5º e 6º de primaria para darnos a coñecer diferentes mulleres inventoras, científicas... que foron relevantes ao longo de diferentes períodos da historia da humanidade.

Falounos, entre outras, das seguintes mulleres e inventos:

- Ada A. Byron Lovelace: primeira programadora da historia.
- Hedy Lamarr: espectro ensanchado (precursor do actual wifi).
- Redia Perlman: creadora do STP (spanning-tree control).
- Mary Kies: primeira muller norteamericana en conseguir unha patente.
- Margaret Knight: considerada a "raíña das bolsas de papel".
- Elizabeth Magie: o Monopoly.

Tamén nomeou a mulleres galegas e, como non, a Miriam Pena, natural de Bueu, que se atopa entre as 12 enxeñeiras máis relevantes de Silicon Valley.

Ademais, Amelia nos deixou o seu libro "Mujeres matemáticas, las grandes desconocidas" (Universidade de Vigo, 2017) na biblioteca do noso colexio, o cal podedes levar en préstamo. 

15 de febreiro, contra o cancro infantil

Aquí vos deixamos o manifesto que nos enviou ao colexio María Tallón, responsable de oncoloxía infantil do HAC (Hospital Álvaro Cunqueiro), e que foi lido no acto que celebramos no colexio para conmemorar esta data.
O noso agradecemento ás familias e demais persoas que se achegaron ao colexio nesta data.


"Neste día, 15 de febreiro, celebramos o Día Internacional do Cancro Infantil.

Un día que ten como obxectivos sensibilizar e concienciar sobre a importancia dos desafíos aos que se enfrontan os nenos, as nenas, adolescentes e as súas familias; así como da necesidade de que toda a infancia en calquera lugar do mundo teña acceso a un diagnóstico e tratamento precisos e a tempo.
O reto que supón superar o cancro pode e debe ser unha realidade. Esta enfermidade que tanto asusta inicialmente, é curable nunha alta porcentaxe de casos cun diagnóstico temperá e cos tratamentos axeitados. Para conseguilo temos que loitar para que:

1º.- Todos os nenos e nenas con cancro sexan tratados en Unidades de Referencia, que a súa vez manteñan un bo nivel de colaboración e coordinación con outros centros. Que se manteña un Rexistro Nacional de Tumores Infantís, coordinado coas distintas autonomías do país.

2º.- Xa que a detección temperá é un piar fundamental, debe forzarse un camiño claro dende a atención primaria nos centros de saúde ata o hospital.

3º.- Que a atención social, psicolóxica e educativa sexa unha realidade dende o momento do diagnóstico e ao longo de todo o proceso da enfermidade, tanto para o neno como para a súa familia.
4º.- Que se preste unha atención especial nos cuidados paliativos, xa se leven a cabo na casa ou no hospital.

5º.- Que se promova a investigación para conseguir tratamentos máis eficaces e cos menores efectos secundarios.
Nos países desenvolvidos todas estas premisas, son alcanzables nun futuro próximo se as institucións, profesionais e familias traballamos unidos.

Pero non hai que ignorar que unha porcentaxe elevada dos nenos con cancro vive en países en vías de desenvolvemento, onde o diagnóstico e o tratamento non se realizan correctamente.

Máis da metade destes nenos e nenas non terá acceso a un futuro. Estos nenos e nenas tamén teñen dereito a medrar e en definitiva a VIVIR.

Gustarianos que compartirades con nós a ilusión de que o solicitado a través deste manifesto sexa realidade en pro dos nenos e nenas que padecen esta enfermidade.

Ademais, nun día como hoxe nos gustaría que, todos xuntos, dedicásemos a todos e cada un dos nenos que están nestes momentos sendo tratados de cancro, e a sus familias, uns minutos do noso tempo, un sorriso e un abrazo, para que sintan o noso apoio, o noso afecto, e que non esquezan que, sobre todo, cando todo volva á normalidade e regresen as súas escolas, nas súas aulas, serán recibidos como sempre: con xogos, sorrisos e alegría.

E que os seus compañeiros e compañeiras non se esquezan deles nestes duros momentos. Porque xuntos sumamos."


lunes, 5 de febrero de 2018

Ledicia Costas connosco

Hoxe Ledicia Costas volveu ao noso cole, despois de tres anos consecutivos visitándonos, a autora gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro "Escarlatina, a cociñeira defunta", desta vez presentounos "A señorita Bubble". Un libro sobre unha muller inventora.

Cando Ledicia preguntou polo nome de persoas que inventaran algo, o alumnado sorprendeu a Ledicia porque coñecen moitos inventores (Leonardo da Vinci, Edison, Bell...) e cando preguntou por algunha inventora saíron os nomes de Marie Curie ou da mismísima srta. Bubble. Ledicia explicoulles que foron mulleres quen inventaron o limpiaparabrisas (Mary Anderson), a máquina de xeados (Nancy Johnson) ou o libro electrónico (a galega, Ángela Ruiz Robles, quen creou o antecedente dos libros electrónicos actuais).

Hai moitas máis mulleres inventoras: Stephanie Kwolek (kevlar), Bette Nesmith Graham (corrector, o famoso "tippex"), Josephine Cochrane (lavavaixelas), Ada Lovelace (programación de ordenadores), Melitta Bentz (filtro de café) e outras moitas. Sobre elas nos falará a profesora Vermejo na charla que dará ao alumnado de 5º e 6º de Primaria para conmemorar o Día da Muller na Ciencia (11 de febreiro).

Polo pronto, aquí vos deixamos imaxes da charla de Ledicia e a súa señorita Bubble.


Por certo, Ledicia non só escribe libros infantiles. O seu libro para adultos "Un animal chamado néboa", impresiona a quen o le. Tamén "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta" que, aínda que calificado como libro xuvenil, tamén ten un oco nas estanterías de lectores adultos. 

Agardamos volverte escoitar no colexio con esa segunda parte da srta. Bubble!