miércoles, 4 de diciembre de 2019

3 de decembro: día da diversidade funcional

Hoxe, en diferentes espazos do colexio, Finu -mestra de Audición e Linguaxe-, Manu -mestre de Pedagoxía Terapéutica-; Vanessa -orientadora; e María José -mestra de apoio de Educación Infantil-, leron uns contos moi especiais co fin de amosar ao alumnado que todas e todos somos diferentes e compartimos a necesidade de que nos queiran e non nos rexeiten.

Se tedes interese en ler estes contos na casa, podedes atopalos na biblioteca do cole e descubrir que, aínda que teñamos máis ou menos peso ou pelo, sexamos máis ou menos movidas..., cada unha de nós debe respectar as diferenzas e ser quen de poñerse no lugar das outras persoas, valorando a diversidade.
 
- Te quiero, casi siempre.














- Topito Terremoto.
















- Pelaíto.


















- Malena Ballena.










jueves, 28 de noviembre de 2019

Continuamos con experiencias científicas abraiantes.

Hoxe o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria realizou diferentes experiencias a partir do método científico. Aprendeu que dos erros se aprende e a importancia de tentar buscar resposta aos erros.

O alumnado de 3º amosounos que é a capilaridade e a mestura de cores empregando vasos de agua con colorante alimentario.

O alumnado de 5º amosounos un produto que revela se temos placa dental nos nosos dentes e a continuación cepillou os dentes para conseguir un cepillado espectacular.

Dúas alumnas de 5º e 6º realizaron unha experiencia moi interesante, consistente en mesturar auga fría con colorante azul e auga quente con colorante vermello e a auga quente colocouse por enriba da fría sen chegar a mesturarse debido a que a auga quente ten menor densidade que a auga fría.

Tres grupos de 6º realizaron cadansúa experiencia. Un dos grupos amosounos como a auga ascende ao colocar unha vela encendida dentro dun bol e cubrila cun tarro de cristal debido á falta de osíxeno ao que é sometida a combustión da vela. Outro dos grupos non conseguíu o obxectivo de facer bailar a mestura de fariña con auga sobre unha bandexa apoiada nun amplificador e explicou o que debería suceder, convidando ao alumnado espectador a probar a facelo na súa casa.

Un grupo de 4º amosou que cun CD, unha tapa de botella de pitorro e pegamento, podemos ter un aerodeslizador que se move grazas ao aire que hai baixo a superficie do CD.











Novembro, mes da ciencia na biblioteca e no laboratorio!

As nais de Elena, Héctor, Hugo, Noa, Carlota, Sara e Iria levaban un tempo metidas no laboratorio do colexio artellando unha boa! 
E por fin chegou o momento de amosar a todo o alumnado de Primaria as súas experiencias científicas. Aprendemos que con elementos que podemos ter na casa, podemos ser científicas e científicos, e tamén aprendemos que dos erros se aprende, xa que se non nos sae un experimento, podemos analizar o porqué e tentar realizalo de novo.
Queredes vernos? Aquí nos tedes...


viernes, 15 de noviembre de 2019

Un magosto cheo de xogos e castañas quentiñas

Grazas á colaboración da Asociación Xoán XXIII, outro ano máis puidemos desfrutar dun magosto cheo de xogos tradicionais (labirinto, zancos, futbolín, chave, ra, bolos...) e, grazas á colaboración das familias, puidemos merendar castañas asadas, que ricas e quentiñas estaban!!!


miércoles, 13 de noviembre de 2019

O novo composteiro chega ao cole

Da man do mestre composteiro de Bueu, chegou ao colexio o novo composteiro que situaremos no patio de primaria. O alumnado maior do colexio colaborou na súa montaxe, recibíu información sobre que restos do comedor e do patio se tirarán neste composteiro e lembrou os pasos a seguir para obter un bo compost.


Equipo de Mediación

O novo Equipo de Mediación xa comezou a súa andaina no colexio. Está formado polo alumnado de 6º de Primaria, quen tratará de axudar ao alumnado de Infantil e Primaria nos posibles conflitos que xurdan durante os recreos. Velaquí están, dispostas e dispostos a mellorar a convivencia na escola.


martes, 5 de noviembre de 2019

Que é o ciberacoso?

Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º tivemos unha charla sobre ciberacoso para despexar dúbidas e aclarar conceptos relacionados coas redes sociais, os seus riscos e beneficios.

Aprendemos que debemos ter coidado cos datos e imaxes que se colgan nas redes e que o alumnado do colexio non ten a idade legal necesaria para ter contas nas redes sociais (Instagram, Facebook...).

Aquí vos deixamos algún dos vídeos que vimos durante a charla:

Vídeo 1: moita información que damos de nós é pública.

Vídeo 2: cita a cegas.


viernes, 25 de octubre de 2019

English week

Ao longo desta semana o alumnado de 6° de Primaria do cole está a participar nunha viaxe de inmersión lingüística en inglés en Os Peares (Lugo), xunto con alumnado doutros colexios. Realizan actividades relacionadas co coidado do medio ambiente, senderismo, gymkanas medioambientais, debates, xogos... nos que a lingua vehicular é o inglés. É unha auténtica experiencia de convivencia e aprendizaxe.



miércoles, 16 de octubre de 2019

Os kilos e kilos de tapóns solidarios convértense en gráficas no colexio

Ademais de agradecervos ás familias a vosa colaboración coa achega de tapóns para dúas causas ás que van destinados (protectora de animais e nenos con necesidades), os tapóns son de utilidade para traballar as gráficas. Facémolo do seguinte xeito:

1º) Pesamos as bolsas de tapóns que chegan ao colexio nunha balanza.
2º) Sumamos os kilos de tapóns e obtemos un resultado total
.
3º) Coloreamos as seccións correspondentes do gráfico segundo o mes no que estamos.

Nas imaxes podedes ver o resultado:








miércoles, 9 de octubre de 2019

Latexo no cole

Latexo chegou ao cole cunha chea de aprendizaxes para que as nenas e os nenos vaiamos máis seguros pola estrada:

a) Aconsellounos que nos fagamos ver e, para iso, agasallounos cunhas chapas reflectantes.

b) Nos recomendou ir polo lado esquerdo da estrada, é o lado do noso corazón.

c) Tamén nos recomendou coller as sendas peonís para así evitar posibles accidentes.

Queredes coñecer a Latexo? Aquí nos tedes con el:




lunes, 7 de octubre de 2019

Patrulla de Reciclaxe




A Patrulla de Reciclaxe do colexio percorreu hoxe as distintas aulas para informar ao alumnado de Infantil e Primaria dos distintos materiais que é posible recoller en cada un dos contedores. Aquí tedes un vídeo da patrulla, realizando a explicación ao alumnado máis novo .


viernes, 13 de septiembre de 2019

A nosa primeira saída: o FIC Bueu

O FIC xa se converteu nun evento imprescindible para o noso cole, non podemos faltar! E alí estivemos hoxe aplaudindo despois de cada curta.
+ Imaxes do cole no FIC

O alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, percorremos a pé o traxecto entre o cole e o Centro Social do Mar.

Intres antes do inicio da proxección, desexando que comezase o antes posible para comezar a desfrutar e a impresionarnos como cada ano coas curtametraxes.

jueves, 9 de mayo de 2019

A still life

Hoxe na clase de Arts & Crafts en 1º de primaria falamos de María Antonia Dans e cada un de nós creou o seu Still life (bodegón) con papel de seda.





Correlingua 2019

O 2 de maio estivemos no Correlingua en Cangas. Fixemos a marcha, cantamos e bailamos con Uxía Lambona e a Banda Molona. Foi xenial!


martes, 26 de febrero de 2019

Preparando a nosa pancarta para o desfile de entroido


O entroido está cerca, así que hoxe, na clase de Arts & Crafts, estivemos facendo Lion Masks e preparando a pancarta que levaremos no desfile o venres día 1. Non nos dá chegado o día!

viernes, 15 de febrero de 2019

Obradoiro sobre prevención da adición ás TIC

Esta semana, Noa, psicóloga da Asociación Érguete, realizou un obradoiro co alumnado de 6º de Primaria en relación coa prevención da tan actual e temida adición ás tecnoloxías. O feito de que desde Érguete traten este tema é porque os síntomas e o tratamento de dita adición son moi similares ás da adición a substancias coma as drogas.

Alimentación saudable

O alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria esta semana aprendeu moitísimo sobre hábitos saudables (alimentación e deporte) no obradoiro que realizaron as voluntarias da Asociación Española contra o Cancro. Ademais, grazas á colaboración do Concello, contamos durante esta semana con froita nas nosas merendas: mandarinas, peras, mazás e plátano.





viernes, 18 de enero de 2019

Visita ao Parlamento e á Xunta de Galicia

Aquí tedes as fotografías da visita que realizou o alumnado de 4º, 5º e 6º  ao Parlamento e á Xunta de Galicia en Santiago de Compostela.








Equipo de MEDIACIÓN

Xa temos ao Equipo de Mediación do colexio exercendo no patio de recreo. Un total de 22 mediadoras e mediadores que levan a cabo a súa función durante o recreo. Debido a que é un grupo numeroso, acordaron dividirse por días, así cada día da semana se encarga das tarefas de mediación un grupo pequeno. Están entusiasmadísimos coa súa nova función no colexio.


Painting a landscape

Esta semana a clase de Arts&Crafts de 1º e 6º de Primaria resultou diferente. Cada alumna/o de 6º foi buscar a unha alumna ou un alumno á clase de 1º e xuntos, co profesorado e con Roy, o noso auxiliar de conversa, fomos ata o Parque Novas para debuxar a paisaxe (landscape) do parque coas árbores sen follas (trees without leaves). 
Cando volvamos repetir esta actividade cooperativa no mes de xuño, seguramente as árbores xa terán moitas follas.